Rúa Cruxa
10 June, 2008
Estimado alcalde:
Recentemente vimos como a rúa Cruxa pasaba de ter dous carrís a tres, unha barbaridade se temos en conta que se trata dunha rúa urbana moi transitada, pequena e que agora conta cun carril máis que a xeral Rosalía de Castro, que con só dous carrís foi testemuña ao longo dos anos de mortes e atropelos. Os comerciantes desta rúa facémonos varias preguntas. ¿ A que resposta este cambio? ¿Trátase dunha maniobra política para favorecer os intereses dalgunha cadea comercial recén instalada en Milladoiro? Se algún día un dos nosos fillos cruza esta “gran vía” e é atropelado ¿a quen teremos que pedir responsabilidades? Comerciantes da rúa Cruxa de Milladoiro
O paso de dous a tres carrís de circulación responde á necesidade de favorecer o tránsito de vehículos de saída de todo un conxunto de rúas de O Milladoiro que viñan formando atasco e longas colas, especialmente en horas punta. O feito de que a Rúa da Cruxa sexa practicamente a única saída da parte oeste do Milladoiro que permite acceder á N-550 nos dous sentidos de circulación, así como a aparición de novas zonas residenciais na zona leste, con acceso dende Santiago a través da Rúa Cruxa, fixo necesario contar con tres carrís, un que permita o xiro directo á dereita, outro que permita o xiro directo á esquerda e un no medio que permita a saída frontal atravesando a N-550. O certo é que a solución adoptada ven demostrando o acerto da mesma, xa que agora non se producen tapóns de tráfico nin longas e ruidosas caravanas de vehículos en colas de espera. O actual goberno municipal de Ames non permite ningunha manobra que favoreza os intereses comerciais particulares, se non que actúa dende o punto de vista común e colectivo.



Comentarios
¿Tienes algo que comentar?