Top

A Policía Local amplíase con cinco novos axentes

4 August, 2008

O exame de galego puxo fin a un proceso de selección que se iniciara o pasado mes de marzo e no que se presentaran 29 persoas. Delas, só cinco fixeron o derradeiro dos exercicios, logo de superar con éxito as seis probas anteriores. Estas consistiron nun recoñecemento médico, probas físicas, un test de habilidades cognitivas, dous cuestionarios de personalidade, un exame da toponimia do Concello, o desenvolvemento por escrito de dous temas e a resolución de dous supostos teórico prácticos sobre o traballo das prazas ás que se opta.

Na primeira das probas, só dous dos aspirantes quedaran fóra, polo que foron 27 os que se presentaron ás probas físicas. Nestas, catro aspirantes non superaron o exame, polo que foron 23 os declarados aptos para realizar o test de habilidades cognitivas e dous cuestionarios de personalidade. A primeira gran criba do proceso de selección tivo lugar co exame de toponimia do Concello, proba que só superaron 14 dos 20 opositores que se presentaron. Deses 14, nove superaron con éxito a antepenúltima das probas, consistente no desenvolvemento por escrito de dous temas. O penúltimo dos exames facía referencia á resolución de dous supostos teórico práticos que poden atopar os aspirantes no desenvolvemento diario das súas tarefas como gardas de Policía  Local.  Catro aspirantes quedaron no camiño, sendo cinco as persoas que puideron facer o último exame de galego.

Con estas cinco incorporacións, o número de gardas pasará de 20 a 25. Nos últimos anos a Policía Local duplicou os seus efectivos, pasando de ter 10 axentes no 2003 a 20 cos que conta na actualidade. Catro destas incorporacións realizáronse o pasado mes de febreiro, cando os novos axentes tomaron posesión do seu cargo.

Comentarios

¿Tienes algo que comentar?





Bottom