Catrocentas persoas asistiron ao Festival Internacional de Folclore
3 August, 2008
Catro agrupacións folclóricas de folk de Ames, A Coruña, Asturias e Portugal desfilaron en xullo nun pasarrúas dende a praza de Chavián ata o Pazo da Peregrina. O motivo deste particular percorrido era a celebración do I Festival Internacional de Folclore. No pazo cada unha destas agrupacións mostrou os seus costumes e a súa historia a través da música e do baile tradicional.
O Festival Internacional de Folclore rexistrou un cheo absoluto. Unhas 400 persoas asistiron a este evento, organizado pola Concellaría de Cultura. Á súa cegada o Pazo da Peregrina, o alcalde de Ames, Carlos Fernández, os concelleiros de Cultura, Francisco Villaverde e de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, así como a concelleira de Economía, Fachenda e Mocidade, Patricia Conde, entregáronlles placas de participación no festival.
Despois chegou o momento de coñecer máis polo miúdo cada unha das agrupacións, que ofreceron actuacións de música e baile. O primeiro en saír ao escenario foi o grupo de música e danza tradicional do Concello de Ames. Gaitas, canto e pandeireta déronlle ritmo ao baile desta mesma formación para animar a noite.
«Este é o primeiro ano que traemos a Ames agrupacións folclóricas de fóra do Estado abrindo novos horizontes para enriquecernos culturalmente coas músicas e bailes de diferentes lugares. O festival foi todo un éxito de participación e agardamos poder continuar organizando este evento nos vindeiros anos» afirma Francisco Villaverde.



Comentarios
¿Tienes algo que comentar?