MABEL RIVERA «No meu país non se conta comigo»
4 agosto, 2008

Chama a atención que un ton de voz tan doce coma o de Mabel Rivera poida derrochar tanta fortaleza. Citounos nunha cafetería, e aínda que chegamos cinco minutos tarde, recíbenos cun amplo sorriso. É unha muller de trapío. Coouse durante máis de dez anos nos fogares galegos co papel de Balbina en «Pratos Combinados», e sorprendeu ao mundo con Manuela en «Mar Adentro». Recentemente vímola en «48 horas» miniserie emitida por A3 onde Mabel dá vida a Consuelo Garrido,nai de Miguel Ángel Blanco, asasinado por ETA hai 11 anos. Actualmente, prepara a rodaxe dunha película no Tibet.
¿En que proxecto anda metida agora Mabel Rivera?
Estou tentando sacar adiante un proxecto de cine, pero nesta ocasión co papel de produtora e directora de actores. Trátase dunha historia marabillosa que se desenvolve no Tibet, con actores locais, en versión orixinal e escenarios naturais. Entón, vai estar detrás das cámaras Si, é unha experiencia nova para min. O proxecto está impulsado pola produtora que temos o meu marido, director de fotografía e realizador, e eu. Actualmente estamos en fase de pre-produción e se todo vai ben, de aquí nun ano deberiamos estar terminando a primeira fase de rodaxe.
Recentemente vímola protagonizando o papel da nai de Miguel Ángel Blanco, ¿como foi a experiencia?
Dura. Realmente tocoume o papel dunha muller que non entendo como pode seguir vivindo. O tratamento desta mini serie non foi para nada truculento, todo o contrario. Está contado con realismo, moi ben documentado e reflicte o que foron aquelas 48 horas. Cando contas historias reais que acabaron tan tremendamente mal, o nó que se che pon é enorme. Non o podes vivir dun xeito real, tes que distanciarte aínda que aquilo que estás interpretando telo que contar co máximo apego á realidade.
¿Plantexouse non facelo?
Si, e curiosamente o mesmo pasoulle a outros compañeiros de rodaxe.
Falemos de «Mar Adentro».
¿Abriulle as portas ao exterior rodar con Amenábar?
Abofé, aínda que os problemas á hora de traballar seguen a existir. Agora mesmo hai unha crise no sector cinematográfico moi agudizada. É un problema de diñeiro, non das posibilidades que eu poida ter como actriz. A Alejandro débolle o pasar de ser unha descoñecida a que me coñeza todo o mundo.
Cando interpreta este tipo de papeis, ¿adoita ter contacto coa familia?
Os pais de Miguel Ángel non quixeron manter en ningún momento contacto algún, loxicamente. Esta xente tense que preservar. A irmá, en cambio, nun determinado momento si que falou coa actriz que a representou. Cando se trata de historias reais deste tipo, tan tráxicas, adóitase manter contacto a través dun portavoz interposto pola familia. No caso de «Mar Adentro» si que tiven un contacto directo. É máis, en ocasións puntuais
falo con Manuela, a cuñada de Sampedro á que interpretei.
Máis de dez anos en «Pratos Combinados », ¿que lle queda daquela época?
Cando estás insistindo tanto nun mesmo personaxe existe un perigo moi grande, o encasillamento. Sobre todo nun mundo pequeno como Galicia onde todo o que sae a través da pantalla ten unha relevancia enorme. A base de insistencia acábase conseguindo que o público che coñeza coma o personaxe, non como persoa. Eu aquí era Balbina, non Mabel Rivera. E isto creo que limitou a confianza dos demáis en min como actriz, porque acabei convertida nun personaxe. Polo resto, sigo mantendo unha boa relación cos meus compañeiros.
Algo bo habería…
Moitas cousas. «Pratos Combinados» proporcionoume unha disciplina de plató. Nunca cheguei tarde a unha convocatoria, sempre estiven no meu sitio. E iso débollo a un traballo tan prolongado no tempo. As series son fantásticas pasa iso, e para darche popularidade e gancho.
Houbo un momento que dixo que ía tirar a toalla.
Estaba ao límite dunha situación que non me levaba a ningún sitio. Non tiña sentido centrar unha carreira de actriz nun personaxe único. Ou un produtor ou director confiaba en mi para outra cousa ou estaba totalmente anulada. Nese sentido claro que estaba a piques de tirar a toalla. Salvoume o traballo de «Mar Adentro». Abriume outras posibilidades a traballos que estou a facer agora, porque en Galicia sigo sen traballar.
¿Por que Galicia non recoñece aos seus actores?
É algo estraño. Non creo que sexa unha cuestión de recoñecer senón de mercado, e en Galicia non existe. Aquí predominan as productoras e a partir de aí desenvólvese todo o demais. Aquí trabállase por pandillas, é dicir, hai determinadas produtoras que recorren sempre aos mesmos actores. Ao min non me tocou. É complexo.
¿Gustaríalle volver facer unha serie para Televisión de Galicia?
Non especialmente, e menos dunha serie que che absorba de tal xeito que xa non sexas dono das túas posibilidades. Que non poidas dicir plántome. Eu quíxeno facer en «Pratos Combinados» e non puiden, porque che arrastra. É dicir, chega un momento que non tes capacidade de decidir por ti mesma. Alguén decide que se teñen que facer máis capítulos e o ti non te podes plantar. É complicado. Nese senso non me apetece facer unha serie.
¿Soa a revanchismo?
Teño unha cousa moi clara tamén: alí onde non me queren eu tampouco quero. Parece revanchismo, pero é difícil adaptarte a unha realidade que non sempre é así. É supervivencia. Pero non é fácil ver que pasan os anos e que no meu país non se conta comigo.
¿Doe?
Non doe, pode acabar nun certo momento coas túas expectativas e iso é duro. O que hai que tentar é manterte aí, e que cosas como esta non che fagan tirar a toalla. Sei que todo o mundo considera ben o meu traballo, pero dalgún xeito non se demostra.
Parece que desvaloriza a televisión.
Para nada. É un medio tan valioso e interesante a nivel traballo como o cine, o teatro… Son linguaxes diferentes. O máis san, como actores, é compaxinalos.
¿En serio que non lle ofreceron nada?
Pois verá, unha vez chamáronme para traballar nunha serie de televisión que se fixo finalmente. Pode soar a chulería pero non, é o sentido da profesionalidad que debemos ter todos, directores tamén. Chamáronme para facerme unha proba, por certo alguén que vin crecer profesionalmente. E esas cousas non se deben pedir. Falo por min e por todo un plantel de profesionais que levamos currando desde fai moitos anos. O noso traballo está aí. Dixen que non.
O papel da súa vida ¿é o que lle queda por facer?(Risas) Como nunca sabes se che van a volver a chamar terei que pensar entre os que fixen cal é o papel da miña vida. Temos a sorte de engancharnos tanto a cada personaxe, por pequeno que sexa, que considero que o papel da túa vida é o último que fixeches. Así debe ser porque nunca se sabe que repercusión vai ter o traballo que fas nun determinado momento.
Por: Mónica L. Rivadulla
Fotos: Fernando Rivas







Comentarios
¿Tienes algo que comentar?