Máis de 500 veciños despediron as actividades de Amessan
4 August, 2008
O Pazo da Peregrina fixo cheo absoluto este domingo coa festa de clausura do programa de actividades de envellecemento activo Amessan, superando todas as expectativas. Exposicións de manualidades e traballos de patchwork, exhibicións de baile e actuacións de dous dúos que amenizaron as sesións de baile para maiores nas tardes dos domingos foron algúns dos atractivos desta festa que reuniu a máis de 500 persoas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A Concellaría de Sanidade organizou a terceira festa. Durante todo o curso, uns 200 maiores asistiron a estas actividades que teñen o obxectivo de fomentar a autonomía e independencia, axudar a acadar hábitos de conduta saudables e contribuír á auto estima persoal. Para facilitar a participación do maior número de persoas posibles, desenvolvéronse nas salas de usos múltiples de Bertamiráns e do Milladoiro e nos locais da Tarroeira, Piñeiro, Cerdeiras, Trasmonte, Agrón e A Ameixenda. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Carlos Fernández, o tenente de alcalde, José Varela, a concelleira de Educación, Isabel Pereiro, a de Mocidade, Patricia Conde, o concelleiro de Obras, Gustavo Nieto, e a titular do departamento organizador, Isabel González. Esta última agradeceu a participación dos alumnos e alumnas nas diferentes actividades e animou a seguir «asistindo ás iniciativas que axuden aos maiores a saír da casa e estar entretidos». Antes de bailar de novo, o Concello invitou aos asistentes a tomar uns petiscos.



Comentarios
¿Tienes algo que comentar?