Tragsa comeza os traballos de limpeza nas fincas de especial protección
4 agosto, 2008
Dúas brigadas da empresa Tragsa comezaron en xullo a limpar as parcelas situadas en núcleos de especial protección. As tarefas que está desenvolvendo combinan traballos manuais e mecanizados. O persoal do que disponen está composto por un capataz, que dirixe as dúas brigadas, e cinco peóns en cada unha. Estes operarios están dotados de motoserras, desbrozadoras, equipos de protección e dous todoterreos. Contan tamén cun tractor de cadeas, moi potente e capaz de limpar terreos pendentes; e un tractor de rodas, que é máis áxil pero máis limitado á hora de entrar en parcelas con certo desnivel.
Tragsa iniciou os traballos no lugar de Eirapedriña, na parroquia de Bugallido. Esta zona enmárcase nos 16 núcleos de especial protección establecidos polo Concello. Trátase de terreos prioritarios por estar situados en lugares próximos a vivendas ou outras edificacións e instalacións. Estas áreas repártense entre 6 parroquias: en Biduído atópanse Framil, Costoia e A Moniña; en Bugallido, Eirapderiña, Tarrío e Guimaráns; na parroquia de Covas contémplanse Covas-Casas do Monte, Ventosa e Carreira-Castelo; en Ortoño existen cinco zonas de especial risco como son Bertamiráns, A Telleira, Condomiña-Punxeiras-Tarroeira, Castrigo-Casaliño e Aldea Nova; en Ames atópase Castiñeiro de Lobo e en Ameixenda o lugar de Vilar. En total débese controlar a biomasa dunhas 147 hectáreas.
Esta empresa non é a única que traballará para limpar os terreos. A brigada de xestión forestal do Concello iniciou tamén as tarefas de roza e tala de terreos situados nestas zonas prioritarias. A administración local está ofrecendo a súa axuda a través de distintas vías para facilitarlle aos propietarios o cumprimento das súas obrigas. «Moita xente está concienciada da importancia de limpar os terreos para evitar incendios e están acometendo a xestión do combustible vexetal, tanto cos seus propios medios como a través das solicitudes e convenios que ofrece o Concello» afirma Úrsula Seijas, concelleira de Medio Ambiente.







Comentarios
¿Tienes algo que comentar?