Aprender e xogar. Bos Dias Cole y Tardes Divertidas
8 October, 2008
Uns 2.500 nenos participaron nos programas de conciliación da vida laboral e familiar en Ames.
O número de participantes medrou en cada unha das programacións lúdicas que ofertou a Concellaría de Educación.
A Concellaría de Educación oferta ao longo do curso programas de conciliación da vida laboral e familiar. Trátase da rede municipal de comedores escolares, os servizos Tardes Divertidas e Bos Días Cole, as programacións lúdicas nos meses de xuño e setembro, no Nadal e na Primavera, así como a Escola de Verán. Preto de 2.500 nenos de entre tres e doce anos participaron nos distintos programas destinados a facilitarlle a vida aos pais e nais traballadores. Para o vindeiro curso aumenta o número de prazas.
Uns 2500 nenos e nenas participaron durante o curso 2007- 2008 nos distintos programas de conciliación da vida laboral e familiar que pon en marcha a Concellaría de Educación e Servizos Complementarios en distintas épocas do ano. Neste sentido hai que ter en conta que aumentaron os datos de participación e a Concellaría tivo que realizar un esforzo de xestión para permitir a entrada de todos os solicitantes e responder ás incompatibilidades laborais que se presentan no día a día das familias amienses.
Ao longo do curso son tres os servizos que se ofertan en paralelo ao desenvolvemento normal das clases: a Rede municipal de comedores, as Tardes Divertidas e os Bos Días Cole. No curso 2007/2008, uns 650 rapaces comeron con regularidade no servizo de comedores escolares. As prazas ofertadas para o curso 2008-2009 aumentan ata as 860 e ademais, o servizo contará neste curso con dúas cociñas. O
CEIP Agro do Muíño seguirá albergando a actual cociña que preparará os menús para este mesmo centro e para o CEIP Bispo Guerra Campos de Bertamiráns. A nova cociña instalarase na Escola De Educación Infantil Milladoiro, e prestará servizo a este mesmo colexio e máis ao CEP de Ventín. En cambio ao servizo Bos Días Cole, mediante o que se ofrece aos cativos o almorzo e diversos xogos antes de entrar nas aulas, contou no período escolar 2007-2008 con 100 usuarios fixos. Para o vindeiro curso amplíase o número de prazas ofertadas ata 300. E seguindo a mesma liña, aumentarase o número de prazas ata 160 no servizo Tardes Divertidas.
Programacións lúdicas
Ademais dos servizos dispoñibles durante o desenvolvemento das clases, a Concellaría de Educación oferta programas lúdicos nos períodos de vacacións dos centros escolares. O nome destes lúdicos indícanos as datas nas que se desenvolven. Así, organízase o Setembro Lúdico, Nadal Lúdico, a Primavera Lúdica (coincidindo coas vacacións de Semana Santa) e o Xuño Lúdico. A Escola de Verán, por outra banda, desenvólvese nos meses de xullo e agosto.
Os diferentes programas lúdicos, ademais de permitir aos pais e nais asegurarse de que os seus fillos e fillas van a estar ben coidados e atendidos, contan cun programa de actividades que compatibiliza o entretemento e a diversión coa aprendizaxe. Os nenos e nenas participan
en obradoiros, xogos de cooperación e realizan diferentes saídas e visitas para coñecer o seu contorno ao mesmo tempo que interaccionan cos seus compañeiros, sempre acompañados de monitores. O Concello habilita diferentes espazos para desenvolver este servizo, que se organiza nas dúas localidades principais de Ames, Bertamiráns e O Milladoiro.
Menús coidados
A alimentación dos nenos e nenas é unha preocupación constante dentro da Rede Municipal de Comedores á hora de deseñar menús sans e nutritivos vixiando
sempre as alerxias e incompatibilidades alimentarias dos cativos e cativas. Todos estes detalles mantéñense nos menús que se ofrecen nos programas lúdicos. No mes de maio a Concellaría deu un paso máis no coidado da calidade dos pratos que comen os pequenos e pequenas coa introdución dalgúns alimentos de produción natural nos menús dos comedores da Rede municipal. Estes produtos son subministrados por labregos e labregas do programa de agricultura sostible do Concello de Ames, Rois, Dodro e Brión, o Proxecto Amorodo. Nos diferentes comedores da Rede Municipal o alumnado aprende hábitos alimenticios sans e un correcto comportamento na mesa, así como unhas normas básicas de respecto, tolerancia e convivencia.
Textos: Concello de Ames / Foto: Archivo



Comentarios
¿Tienes algo que comentar?