Festa rachada. V Festa da Mocidade
8 October, 2008
Éxito na quinta edición da Festa da Mocidade
A V edición da Festa da Mocidade tomou as rúas e prazas do Milladoiro durante tres días e superou amplamente todas as expectativas de participación. Ao redor de 3000 persoas vibraron o venres 12 de setembro coa mestura de pop, rock e folk do grupo valisoletano Celtas Cortos, que abriu a festa ás 22.30 horas. Foi a apertura de luxo para unha fin de semana na que os rapaces e rapazas amienses puideron gozar con diversas actividades e atraccións, organizadas pola Concellaría de Mocidade. Esta festa serviu, ademais, de importante escaparate e axente dinamizador da hostalaría do Milladoiro.
A mocidade de Ames mobilizouse na súa fin de semana. Milleiros de mozos e mozas achegáronse ata o Milladoiro para gozar da música, das atraccións e as diversas actividades que protagonizaron a quinta edición da xa tradicional Festa da Mocidade. A Travesía do Porto encheuse o venres, a partir das 22.30 horas, do característico son do grupo Celtas Cortos. Os valisoletanos non decepcionaron aos preto de 3000 fans congregados no concerto, que serviu de apertura á V Festa da Mocidade.
Xa o sábado, os rapaces e rapazas amienses quixeron despedir o verán por todo o alto, cunha xornada festiva na que puideron gozar en atraccións como o touro mecánico, os inchables, o rocódromo, o rappel ou a tirolina. Ademais, puideron acudir ao encontro de graffiteiros e aos obradoiros de globoflexia e maquillaxe, ou participar en xincanas e xogos tradicionais. Con todo, o maior éxito foi para os paseos en quad e o paintball, destinados a mozos e mozas a partir de 12 anos.
O domingo foi a quenda do deporte, coa celebración, a partir das 11 da mañá, da terceira Olimpíada de Ames. 9 equipos de fútbol e 6 de baloncesto competiron e amosaron as súas destrezas nas pistas exteriores do complexo deportivo do Milladoiro. Ao tempo que se encestaban canastras e se marcaban goles, os afeccionados do ciclismo pedaleaban nunha xincana celebrada no aparcadoiro público deste complexo. Todas estas actividades remataron ás 14.30 horas, coa entrega de premios aos finalistas, que correu a cargo da concelleira de Mocidade, Patricia Conde, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto. A V Festa da Mocidade estivo tamén nas ondas, a través da sintonía de Ames Radio. Os tres días de Festa transcorreron con total normalidade, en parte grazas á boa coordinación levada a cabo pola Concellaría de Mocidade e ao traballo de 23 voluntarios. O Concello reforzou, ademais, o servizo de limpeza viaria no Milladoiro, para conxugar o lecer e a diversión cun correcto estado das rúas e o normal desenvolvemento do día a día dos veciños. Non faltou un dispositivo especial de seguridade, con numerosos efectivos da Policía local de Ames, a Garda Civil e Protección civil, que velaron polo bo funcionamento da festa.
Textos: Concello de Ames / Fotos: Luchi Gorostiza



Comentarios
¿Tienes algo que comentar?