Top

Bo Nadal

4 December, 2008

Emilio Pérez Touriño
Presidente da Xunta de Galicia

Para quen ten na proximidade cos cidadáns un obxectivo central da súa acción política, a oportunidade de dirixirse directamente a un conxunto de veciños constitúe un motivo de enorme satisfacción. E iso é precisamente o que significa para min a porta que me abre a revista DirectoAmes, unha magnífica ocasión que quero aproveitar, en primeiro lugar, para transmitirlles a todos os cidadáns deste concello o meu afecto e os meus mellores desexos para este Nadal.

Un Nadal que coincide este ano cunha situación económica difícil, pero á que o Goberno que presido lle está a facer fronte con todos os recursos ao seu dispor, e, sobre todo, desde o diálogo e a concertación cos axentes sociais e económicos de Galicia, traballando cóbado con cóbado para remontar a crise e saír fortalecidos dela. Desde a Xunta de Galicia temos concentrado todo o noso esforzo en mitigar os efectos da crise. Ao longo deste ano, temos arbitrado un conxunto de medidas que están a facer que o seu impacto, con ser grande, sexa menor que noutras comunidades.

Como saben, arbitramos medidas para acelerar a execución das obras públicas, especialmente en estradas e en vivenda protexida. Puxemos en marcha liñas de apoio para que ás nosas pequenas e medianas empresas, as que sosteñen o emprego no país, non lles falte financiamento por mor das restriccións do crédito. E acabamos de lanzar un novo programa para xerar 2.000 postos de traballo con carácter inmediato e axudar ás familias a conseguir créditos para adquirir unha vivenda, reformar os seus fogares ou mercar un automóbil mediante a subscrición de seguros de pagos protexidos.

Son medidas que se enmarcan nun compromiso prioritario coas políticas sociais, ás que o vindeiro ano imos dedicar seis de cada dez euros do presuposto da Xunta de Galicia. Son medidas, polo tanto, que buscan superar a crise, mantendo a protección social, o desenvolvemento sustentable.

Pero para logralo é necesario ter confianza, confianza no país, confianza no futuro e confianza nas nosas capacidades para saírmos adiante. Confianza, en suma, nas mulleres e nos homes desta terra, que sempre souberon vencer o desánimo e o pesimismo. A todos vostedes os convoco a ter confianza en Galicia. A todos vostedes lles desexo, de todo corazón, no meu nome e no de todo o Goberno galego,
unhas moi felices festas.

Comentarios

¿Tienes algo que comentar?





Bottom