Top

Ficción no Camiño

13 February, 2009

xunta11.jpg

Preséntanlle ao Presidente da Xunta un proxecto para realizar unha película sobre o Camiño de Santiago
O director, actor e guionista Emilio Estévez, acompañado polo seu pai, o coñecido Martin Sheen mantiveron recentemente unha reunión de traballo con Emilio Pérez Touriño en Madrid na que lle presentaron un proxecto de película de ficción que tería como eixo argumental o Camiño de Santiago. Ambos os directores quixeron reunirse co presidente para trasladarlle os seus proxectos cinematográficos na comunidade.

O xefe do Goberno galego expresou a súa satisfacción polo proxecto cinematográfico, sobre todo, tendo en conta a proximidade do Ano Santo que se celebrará en 2010. Así, trasladoulle á Secretaría Xeral de Comunicación, ao Consorcio Audiovisual de Galicia e a través deste á sociedade SempreCinema, que estuden o proxecto, o seu interese e as posibles vías de colaboración. O filme estaría protagonizado polo coñecido actor norteamericano Martin Sheen. Así mesmo, explicáronlle que a rodaxe, que está prevista que se desenvolva entre Santiago e a costa galega, comezaría antes do verán. O director do filme ofreceu a posibilidade de dar entrada no proxecto a unha participación de SempreCinema, sociedade integrada por CaixaGalicia, o Igape e o Consorcio Audiovisual de Galicia, así como de incorporar ao elenco a actrices e actores galegos e incluso a algunha produtora privada da comunidade.
Ambos os directores, de orixe galega, explicaron o seu interese por recuperar e relacionar os dous eixos fundamentais da súa vida: as súas orixes e o cine. Así, acordaron desenvolver un proxecto cinematográfico no que Galicia e os seus profesionais do sector audiovisual contasen cun importante peso específico. O protagonista de Apocalypse Now e El ala oeste de la Casa Blanca manifestoulle ao máximo mandatario o seu interese por saldar unha débeda histórica coa terra do seu pai pensando no cine como a mellor das posibilidades para materializala.
Neste sentido, Martin Sheen e Emilio Estévez iniciaron xa o estudo documental de todos os aspectos relacionados coa coprodución e distribución, todos aqueles requisitos necesarios para poder concorrer ás diferentes liñas de apoio  existentes. Unha colaboración que vai ser estudada desde o Goberno galego co obxectivo de desenvolver un proxecto que Pérez Touriño valorou como « moi importante» para a comunidade e para todo o sector audiovisual galego.

Mensaxeiros
Tras a xuntanza, Martin Sheen e Emilio Estévez foron invitados a acompañar a Emilio Pérez Touriño á presentación, na sede de AISGE, do Catálogo de Actores e Actrices de Galicia. Un acto que contou coa participación de numerosos actores galegos
e coa presidenta da institución, Pilar Bardem. Durante o acto, o Pérez Touriño comprometeu o seu apoio aos actores galegos no seu papel de «mensaxeiros» que trasladan «a paisaxe humana de Galicia ás pantallas». «Nese papel de mensaxeiros,
que sintoniza á perfección con esa Galicia aberta ao mundo que entre todos construímos, sempre acharedes o apoio e o cariño do presidente que vos fala», afirmou.

O presidente da Xunta remarcou que o Catálogo de actores e actrices de Galicia compila «un amplo elenco que ademais logra alto tan importante na profesión de actor como unha plena comuñón co seu propio público». Nese sentido subliñou que as cifras de audiencia da Televisión de Galicia con numerosas ficcións son das máis elevadas de España, o que se
debe en gran parte, apuntou, «ao traballo dos seus actores, cos que o televidente galego se sinte identificado».

Catálogo on-line
 O acto serviu para amosar a aplicación electrónica do Catálogo de actores e actrices de Galicia a través dun vídeo no que se ensina a navegación pola páxina. O catálogo online da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), despois dun período de proba na páxina web da AAAG, comezou o seu lanzamento o pasado mes de novembro.
O catálogo conta con versións en soporte papel e DVD, pero ademais, incorpora a posibilidade de acceder á aplicación mediante Internet. Ademais, facilita en gran medida o traballo ás produtoras, axencias de casting e outros perfiles que interveñen na contratación de intérpretes. Un dos valores engadidos do catálogo on-line é o de estar deseñado para a súa actualización permanente. As fotos, os vídeos de cada ficha, e os currículos, poden ser renovados e postos ao día constantemente. Así, pódeselle dar entrada a novas caras, ademais das 240 xa rexistradas, sen necesidade de que a aplicación e a información perda vixencia. Funciona con un motor de busca onde se poderá atopar ao actor ou actriz de interese para o usuario a partir da súa identificación persoal (por exemplo, o seu nome), os seus trazo físicos (altura, cor de pelo, ollos) e a súa traxectoria profesional

Comentarios

Un comentario para “Ficción no Camiño”

  1. Martin Sheen quiere rodar una Pelicula Sobre el Camino - Camino de Santiago en February 17th, 2009 8:21 pm

    […] revista bimensual Directo Ames, publica en su último número la noticia de que el director, actor y guionista Emilio Estévez, […]

¿Tienes algo que comentar?





Bottom