Top

O BUZON DO ALCALDE

13 febrero, 2009

¿Que foi daquel proxecto de bulevar para a Travesía do Porto? Gonzalo D.
A urbanización da Travesía do Porto é para nós un proxecto prioritario, que tiñamos previsto executar este mesmo ano con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local, aprobado polo goberno do Estado. O 7 de xaneiro, a Xunta de Goberno Local acordou incluír este proxecto no grupo de obras que se financiarían con esta subvención. O problema é que este proxecto debe ser financiado, non só polo Concello, se non tamén polo resto dos promotores do sector. Esta condición xeraba certas dúbidas sobre a posibilidade de que estas obras puideran ser incluídas nese Fondo, polo que o goberno municipal remitiu unha consulta ao Ministerio de Administracións Públicas (administración encargada de xestionar este Fondo), comunicándonos finalmente a imposibilidade de recibir esta subvención para executar esa obra. De todos os xeitos reitero que, para o equipo de goberno, tanto a obra da Travesía do Porto como a do Parque Central do Milladoiro teñen carácter prioritario e que faremos o posible para atopar o financiamento necesario para poder inicialas dentro deste exercicio.

¿Que hai de certo respecto á construción dun novo edificio consistorial en Bertamiráns? Manuel González.
É certo que temos unha parcela reservada para elo, concretamente no ámbito urbanístico que está a carón da piscina cuberta de Bertamiráns, na marxe dereita da estrada Bertamiráns-Negreira. Xa iniciamos conversas con distintas administracións, e mesmo con colexios profesionais, para traballar no proxecto posto que, aínda que a casa consistorial actual é relativamente nova, non é posible adaptala ás necesidades dun concello como o noso que gaña case mil habitantes cada ano. Este enorme incremento de poboación ven acompañado da necesidade de máis servizos. Nos últimos tempos vímonos obrigados a alugar algúns locais situados preto da casa do Concello, ademais de empregar os despachos situados nas casas da cultura de Bertamiráns e de Milladoiro, e mesmo outros locais de titularidade municipal espallados pola nosa xeografía. Por todo elo iniciamos conversas coa Xunta, fundamentalmente coa Consellería da Presidencia, trasladando a urxente necesidade que ten o Concello de Ames de dotarse dunha casa consistorial acorde coas súas necesidades. A día de hoxe si podo adiantar que a idea vai ben encamiñada e que durante este ano imos traballar na fase de definir cómo debería ser o proxecto.

Mal funcionamento dos semáforos en Bertamiráns. A.Péndola Sieyes.
Teño que dicir que non nos consta ningunha queixa, polo menos a día de hoxe, sobre a necesidade de revisión ou control da programación dos semáforos, salvo algún comentario illado sobre un situado na Avda. da Maía de Bertamiráns, relativo ao pouco tempo que está en verde para os peóns, queixa que xa trasladamos á policía local para que comprobe a necesidade de modificalo. Entendo que esta pregunta, ao non concretar exactamente de qué semáforos se trata, se refira a este. A revisión e control dos semáforos faise de forma habitual e continuada, xa que hai unha empresa especializada á que temos contratado este servizo. Sen embargo, as suxestións e opinións dos usuarios/as son moi importantes para detectar calquera cambio de  necesidades o calquera cambio de hábitos, tanto de tráfico de persoas como de vehículos.

Te ha gustado? Compártelo:

Comentarios

¿Tienes algo que comentar?





Bottom