IES de Ames recibe aos alumnos de Nova Orleáns que chegan mediante o programa de intercambio
17 April, 2009
O IES de Ames puxo en práctica, por primeira vez durante este curso, un programa de intercambio con alumnos de Estados Unidos. Primeiro foron os alumnos amienses os que pasaron preto de 20 días en Nova Orleáns acompañados por dous profesores do centro, Mercedes Neira e Marga Smyth gora tocoulle a vez aos 16 alumnos americanos. Ao acto de benvida asistiron a directora do centro educativo, Marisol Louro, as concelleiras de Educación, Isabel Pereiro, de Mocidade, Patricia Conde, e o concelleiro de Cultura, Deportes e Patrimonio, Francisco Villaverde. Tamén estivo presente o director do Centro Superior de
Hostalería, Jose Paz.
Estas actividades están integradas dentro da programación anual do curso, e teñen como obxectivo o intercambio cultural, o achegamento lingüístico e o perfeccionamento profesional. Patricia Conde tamén sinalou que «quero felicitar ao IES de Ames e a súa dirección por levar a cabo por primeira vez este programa de intercambio.
Esta iniciativa vai servir para enriquecer a vosa formación tanto no eido profesional como persoal». Pola súa banda Jose Paz invitou a todos os alumnos a gozar desta experiencia. Antes de finalizar procedeuse a entrega de agasallos. Dous alumnos do Instituto Isidore Newman fixéronlle entrega á directora do IES de Ames dun libro como agradecemento ao recibimento brindado. Dende o instituto amiense tamén quixeron agradecer a amabilidade mostrada polo Instituto Isidore Newman e Marisol Louro fíxolle entrega aos profesores, Michael Batterman e Míriam Quimbay, de dous broches co logotipo do IES de Ames.



Comentarios
¿Tienes algo que comentar?