Top

Mellora de dúas infravivendas

17 abril, 2009

A Xunta de Goberno local acordou recentemente por unanimidade adxudicar a unha empresa o contrato de obras para a reparación de dúas vivendas incluídas dentro do Plan municipal de Infravivenda. Con estas obras, xa son catro as que se concederon durante 2009, posto que hai tan só unha semana a Xunta de Goberno local aprobou o contrato de obras para a rehabilitación de outras dúas infravivendas. Este programa ten como obxectivo arranxar con criterios de habitabilidade as vivendas ou infravivendas das persoas máis necesitadas que non teñan recursos propios para levar a cabo esa
rehabilitación. As edificacións que poden acceder a este tipo de axudas son aquelas que sen reuniren as condicións mínimas de habitabilidade, son empregadas como vivendas por familias con ingresos baixos. A seguridade e as condicións hixiénico-sanitarias, xunto coa existencia dun espazo habitable suficiente e dos servizos de auga e electricidade, son
algúns deses factores que se entenden como condicións mínimas de habitabilidade e que non están presentes por completo nas vivendas que reciben as subvencións. Os importes totais aos que ascenden os presupostos presentados por dita empresa son de 5.038,37 euros para unha das edificacións e 7.815 euros para a outra. Polo tanto, destinaranse
preto de 13.000 euros máis para a mellora de dúas infravivendas de vecinos amienses.

Na actualidade son catro as obras concedidas para rehabilitar infravivendas en Ames, polo que aínda falta por adxudicar unha das cinco obras que xa se aprobaron. A estes traballos súmanse outros dous que se acordou conceder na Xunta de Goberno local. Cómpre recordar que esas obras foron concedidas a dúas empresas diferentes e que os importes
totais aos que ascendían os presupostos presentados por mencionadas empresas eran de 6.176´44 euros para unha delas e 7.238´21 para a outra. As catro obras contratadas por parte do Concello terán un custo total de 26.267 euros.

Moitas das reparacións levadas a cabo nas vivendas son moi básicas, tales como a dotación dos servizos básicos de auga quente ou luz eléctrica. Para acceder a este tipo de axudas, o plan especifica unha serie de condicións que debe cumprir o solicitante, tales como ser o propietario da vivenda que se quere arranxar e vivir normalmente nela, non dispor
doutra vivenda habitable ou comprometerse a que a edificación subvencionada seguirá sendo vivenda habitual nos cinco anos posteriores á súa reparación.

Te ha gustado? Compártelo:

Comentarios

¿Tienes algo que comentar?





Bottom