Top

Perda de cen prazas de aparcamento. Obras das rúas Anxeríz e Travesa

17 April, 2009

Manel S. Ames
Antes de responder con detalle a esta pregunta, quero sinalar que a carencia actual de prazas de aparcamento en determinadas rúas do Milladoiro é importante, e son consciente delo, pero, a este respecto, quixera tamén dicir que xa me gustaría a min poder deseñar O Milladoiro marcha atrás no tempo, con outro tipo de vías, de seccións, de espazos públicos e estacionamentos. Hoxe en día, na Rúa Anxeriz por exemplo, tivemos que tomar unha decisión moi clara, ou máis espazo para vehículos ou máis espazo para as persoas.

Polo tanto, e xa no goberno anterior, tomamos unha decisión, a cal por certo está avalada polos correspondentes informes urbanísticos, que consistía en gañar espazo para as persoas, desfavorecendo a presenza de vehículos estacionados en superficie. Considero que foi unha postura valente e un acordo perfectamente consensuado.

En canto á peatonalización da Rúa Travesa comentareille que, como tal rúa, nunca debeu de existir e explícome, esa rúa naceu dunha modificación puntual das Normas Subsidiarias, cortando unha gran mazá fraccionada en dúas, sinxelamente porque era máis interesante para os promotores. É unha rúa que nin hacia un lado nin hacia o outro ten continuidade, polo tanto, na circulación vial, non se vai notar que se elimine o tráfico para convertela nunha especie de praza alongada.

Estas medidas que estamos a adoptar, e outras que teremos
que adoptar no futuro, evidentemente deben de ir compatibilizándose coa existencia de novas bolsas de estacionamento, algúns deles xa son hoxe unha realidade, como o da Rúa Palmeiras, que está a piques de abrirse ao público e que forma parte do desenvolvemento urbanístico moderno do Milladoiro. Ese estacionamento supón unha dotación de, aproximadamente, 200 prazas. É importante sinalar que este aparcamento de Rúa Palmeiras non supuxo un custe para o concello, senón que foi unha obriga dos promotores do sector urbanístico S-14 xa que, ademais de ceder, entre outras, a magnífica parcela para a Escola Infantil, tiveron que construír dito aparcamento.

Por outra banda, moi preto desa zona, no sector urbanístico S-15 (as parcelas que se ven aínda sen edificar, aproximadamente, en fronte do actual centro de saúde do Milladoiro), está proxectada a construción dun aparcamento subterráneo co número de prazas que se determine, pero sempre en torno ás 300 ou 350. Co obxectivo de axilizar a súa construción, está previsto convocar aos promotores do sector a unha xuntanza para definir todas as cuestións que procedan, entre elas, os prazos de inicio e remate de construción.

A idea é compaxinar estes proxectos de tal modo que se vexa incrementado o número de novas prazas de aparcamento ao mesmo tempo que, coas obras de reurbanización previstas en diveirsas rúas, se perden en favor de gañar espazo para os peóns.

Comentarios

¿Tienes algo que comentar?





Bottom