Top

Terceiro Encontro Audiovisual Brasil-Galicia

17 abril, 2009

xunta3.jpgO encontro entre profesionais da produción audiovisual gozou dun grande éxito de  participación e deixou patente unha vez máis o interese mostrado tanto por parte galega como brasileira en continuar as relacións comerciais entre ambos os territorios. Ao mesmo tempo  propiciou novos contactos para futuras coproducións e consolidou varios dos proxectos iniciados nas anteriores edicións. Un total de 66 entrevistas fixeron posible o intercambio  dos 36 proxectos presentados.

A delegación de profesionais de Galicia que se desprazou ata Brasil contou con trece produtoras, ás que se sumaron 18 empresas brasileiras, reunindo preto de corenta  representantes entre produtores e autoridades da industria audiovisual galaico- brasileira. Así mesmo, como parte da delegación de profesionais do audiovisual galego, desprazouse tamén ata Salvador un representante da AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia), para presentar o novo catálogo accesible por Internet que o pasado mes de novembro lanzou a asociación co apoio do Consorcio Audiovisual de Galicia, a Secretaría Xeral de Comunicación e a Fundación AISGE. A efectividade deste catálogo espertou o interese das produtoras brasileiras que asistiron, as cales eloxiaron a iniciativa galega de cara a facilitarlles o contacto dos artistas nos castings destas futuras coproducións cinematográficas e, ao mesmo tempo, manifestaron a necesidade de conformar unha ferramenta similar para os actores e actrices no Brasil.

Dentro do acordo de colaboración asinado entre o Consorcio e ANCINE, anunciouse a publicación do segundo Fondo de Axudas á Coprodución que, como novidade nesta convocatoria, incorpora unha axuda a un proxecto documental, ademais dos xa existentes para dúas longametraxes de ficción e animación. A presentación de solicitudes xa está aberta no territorio brasileiro, mentres que en Galicia as bases publicarónse a finais de marzo no DOG, momento no que se abriú o prazo para recibir os proxectos galegos.

Este Fondo viuse incrementado economicamente tras a boa acollida recibida na primeira edición. Na gala de apertura, que contou coa actuación musical de Carlos Núñez, artista galego de recoñecido prestixio internacional e grande coñecedor da cultura brasileira, púxose de manifesto o estreito vínculo social e cultural que une a Galicia e a Brasil, nun acto que encheu o salón de actos do Museu de Arte Moderna da Bahía (MAM). Por outra banda, a II Mostra de Cine Galego no Brasil amosou unha escolma das producións galegas de recente creación que se proxectaron na Fundação Cultural do Estado da Bahia. As películas que se
proxectaron foron:

- «Os mortos van á présa» (Ángel de la Cruz, 2008). Esta película, que contou co apoio de crítica e público no último Festival de Valladolid, estreouse de forma simultánea en España e Brasil o día 13, adiantando deste xeito a data da súa estrea internacional.

- «Los girasoles ciegos» (José Luis Cuerda, 2008). Este filme gozou dun importante recorrido nacional e internacional, contando con 14 candidaturas aos premios Goya, ademais de ter sido preseleccionada para os Oscar, na categoría de mellor película de fala non inglesa.

- «El menor de los males» (Antonio Hernández, 2006). Esta longametraxe rodada en Galicia foi protagonizada por Carmen Maura, Roberto Álvarez e Verónica Echegui, tres actores en alza no cine.

- «A noite que deixou de chover» (Alfonso Zarauza, 2008). Protagonizada por Luis Tosar e a actriz alemá Nora Tschirner é a opera prima do director santiagués, coa que asistiu a importantes festivais como o de Sao Paulo, Valladolid e Viña del Mar.

Con esta escolma de filmes achégase a Brasil unha selección de películas inéditas que amosan o cine que se está a realizar na nosa comunidade. Desde as institucións organizadoras, tanto pola parte galega (Consorcio Audiovisual de Galicia), como pola brasileira (ANCINE e Cinema do Brasil), valórase moi positivamente a notable participación e resposta dos asistentes e agárdase que, en vindeiras edicións, se poidan ver proxectados nestes ciclos de cine os filmes beneficiados polas axudas do Fondo de Coprodución, así como aumentar as liñas de acción destes Encontros, incluíndo mostras da cultura galega e brasileira, tal e como  propuxo o director- xerente do Consorcio ao representante da Agência Brasileira de Promoção
de Exportações e Investimento do Brasil (APEX Brasil), presente tamén neste evento.

Te ha gustado? Compártelo:

Comentarios

¿Tienes algo que comentar?





Bottom