Top

40.000 euros para sufragar o proxecto “Ames Saudable”

16 June, 2009

A Consellería de Sanidade acaba de aprobar a concesión dunha subvención para o Concello de Ames por un importe de 40.000 euros e destinada a fomentar estilos de vida saudables. Esta cantidade axuda a sufragar parte do orzamento necesario para realizar este plan que ascende a un total de 221.257 euros. A iniciativa engloba tres grandes áreas de actuación: promoción dunha alimentación saudable, da actividade física e dunha vida sen alcohol, tabaco e outras drogas. O proxecto está promovido en conxunto polas Concellarías de Sanidade, Mocidade, e Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico.

Na área de promoción da actividade física o que se pretende é crear hábitos de deporte e práctica física. Inclúese actividades físicas para discapacitados, o programa Amessan, o programa Sanauga e outras actividades puntuais como o Día da Bici ou o Día do Deporte. As accións na área da alimentación saudable destínanse tamén a todas as persoas. Neste eido, estase a ofrecer aos centros de ensino un programa de actividades dirixidas a promover unha alimentación saudable no ámbito escolar, a través da elaboración de menús equilibrados. Ademais está previsto traballar con distintos colectivos do ámbito educativo. Deste xeito impartiranse diversas charlas aos pais, nais, traballadores das cociñas dos comedores escolares, á mocidade, a terceira idade e a poboación en xeral para tratar de conciencialos da importancia que ten unha alimentación equilibrada e saudable.

En relación coa área de promoción dunha vida sen alcohol, tabaco e outras drogas, os concellos de Ames, Brión e Negreira están a promover a adopción de estilos de vida saudables a través dos programas de prevención postos en marcha ao abeiro do convenio de cooperación, asinado en xullo de 2008, entre a Consellaría de Sanidade, o SERGAS e o Concello de Ames para o cofinanciamento de programas de prevención de drogodependencias.

Comentarios

¿Tienes algo que comentar?





Bottom