Top

Estimado alcalde:

16 June, 2009

É unha mágoa que os residentes en Bertamiráns vexamos como chega a primavera e o pouco que se está a levar acabo en limpeza e organización no parque do río e tamén no parque do Pazo da Pelegrina, este último sempre cuberto de lixos. Sería bo que nesta época recuperáranse as árbores caídas e outros elementos de xardinería totalmente abandoados. Non soamente hai que velar polo lavado das rúas (que con tanta limpeza desprendéronse baldosas nalgunhas beirarrúas). Alenjandro Pendola Sieyes

Na súa apreciación dá unha imaxe do Pazo da Peregrina absolutamente caótica, que en nada se corresponde coa realidade. Como calquera outro espazo público de uso colectivo ten contados momentos nos que as papeleiras poden estar cheas e algúns espazos con presenza de  desperdicios que algunha xente tira indiscriminadamente polo chan. Pero non é, en absoluto, unha situación frecuente.

Eu mesmo, visito o Pazo con moita frecuencia: inauguracións e desenvolvemento de exposicións, actividades municipais de todo tipo, vodas moitos sábados da primavera e do verán… e comprobo que isto non é como vostede afirma. Da limpeza do recinto ocúpase unha brigada municipal e do mantemento de xardinería, ocúpase unha empresa do Grupo da Confederación Galega de Minusválidos, chamada “Integro de Xardinería e Medio Ambiente”.  Cando rompe ou morre unha planta reponse en 24 ou 48 horas como máximo, e non nos consta, en absoluto, que haxa que repoñer ningunha árbore.

Meses atrás liamos nesta revista que o padrón municipal arroxaba unha cifra de 27.196  habitantes. Se, aproximadamente, debe haber unha farmacia por cada 2.200 habitantes, ¿como se explica que en Ames existan só catro? ¿Que papel xoga o Concello neste terreo? ¿Non cre que son poucas para dar servizo a tanta poboación? Sofía Aguado.

A asignación de farmacias faina a Consellería de Sanidade, que é a quen lle corresponde a planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia. Ao concello só lle corresponde o papel de solicitar novas farmacias e presionar para que se consigan. Así o ben facendo o Concello de Ames dende hai varios anos. Ames ten concedidas 3 novas farmacias dende hai tempo, correspondendo unha á parroquia de Biduído (Milladoiro incluído), unha a Bugallido e outra á parroquia de Ames, xa que a Xunta de Galicia fai a distribución das novas farmacias por parroquias. Así, con data 23 de agosto de 2007, a Consellería de Sanidade notificara ao concello estas adxudicacións de novos despachos de farmacia, solicitando así mesmo o envío dalgunha documentación (datos poboacionais, superficie territorial de determinados núcleos, etc.). É certo que estas adxudicacións foron obxecto de distintos litixios por parte das persoas solicitantes, de tal xeito que aínda non hai moitos meses que se resolveu quén son definitivamente os adxudicatarios. Cónstanos, neste momento, que xa os novos adxudicatarios teñen previsto a apertura de novo despacho, pois xa teñen realizado distintas xestións e feitas varias consultas no concello no sentido de poñer en marcha os trámites para a solicitude da correspondente licenza de apertura.

Comentarios

¿Tienes algo que comentar?





Bottom