Top

O 30 de xuño comeza o obradoiro de emprego “Ames Solar”

16 June, 2009

O Concello de Ames levará a cabo un obradoiro de emprego denominado «Ames solar» e que permitirá formar e ocupar a 26 persoas amienses mayores de 24 anos que se atopen en situación de desemprego. As persoas que estean interesadas deberán apuntarse no Servizo Público de Emprego o antes posible, posto que o curso comeza o 30 de xuño.

O proxecto ten como finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a realización de obras e servizos de interese xeral e social que melloren a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral. Así, mentres o alumnado adquire coñecementos e experiencia nunha determinada especialidade contribúe co seu traballo a desenvolver un proxecto beneficioso para unha comunidade ao mesmo tempo que goza dun traballo remunerado. A Concellaría de Promoción Económica, Emprego conta cunha subvención de 548.402 euros da Consellería de Traballo que destinarase para sufragar gastos de persoal e á xestión do obradoiro. A Administración local terá que asumir os custos de material e de funcionamento e achegará o importe de 250.334 euros.

Unha vez remate a formación o alumnado será o encargado de realizar as instalacións solares térmicas de sete edificios municipais: o Concello, o centro de saúde de Bertamiráns, a gardería infantil O Bosque, o centro de saúde do Milladoiro, o pavillón municipal de Bertamiráns, o pavillón municipal do Milladoiro e as instalacións do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre na praia fluvial de Tapia.

En cada un destes edificios realizarase unha instalación, excepto nos pavillóns polideportivos, onde se colocarán dous captadores de enerxía por local. Ademais, levaranse a cabo unha serie de actuacións de aforro enerxético en diferentes instalacións do concello, entre as que se atopan as dúas casas da cultura, situadas en Bertamiráns e no Milladoiro, e o Pazo da Peregrina. «É unha grande satisfacción poder levar a cabo este obradoiro pola transcendencia que ten, tanto a nivel medio ambiental como a nivel de emprego. Estamos dotando ao Concello de importantes medidas de aforro enerxético, acercándonos máis ao noso obxectivo de ser un Concello cada vez máis sostible e respectuoso co medio ambiente», afirma Úrsula Seijas, concelleira de Promoción Económica.

Comentarios

¿Tienes algo que comentar?





Bottom