A Xunta aproba as obras de mellora na vella estrada de Pontemaceira
5 agosto, 2009
A Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas anunciou o pasado 10 de xullo no Diario Oficial de Galicia a licitación das obras de acondicionamento da primeira fase da estrada de Negreira AC-448, a antiga AC-450, ao seu paso pola Ponte Nova de Pontemaceira. Estas melloras beneficiarán a un total de 25.000 veciños, tanto do municipio de Ames como de Negreira. O obxectivo desta obra é o de recuperar e poñer en valor o entorno da Ponte Nova e o seu núcleo de edificacións tradicionais, así como a súa ponte e os marxes do río como espazos de esparcemento. Deste xeito, na primeira fase do proxecto actuarase sobre o tramo de estrada pertencente a Ames e sobre a propia ponte. Para a segunda fase do acondicionamento quedarán as obras referentes á estrada dentro do termo municipal de Negreira.
A actuación prevista pola Xunta ten unha lonxitude de 671,60 metros. Neste tramo, a estrada disporá de dous carrís de 3,5 metros cada un, ademais de dúas beirarrúas de 2,5 metros. En total, a estrada terá doce metros de ancho. Para poder levar a cabo estas obras farase unha escavación de case catro mil metros cúbicos de terra. Esta infraestrutura contará cun bordillo, cunha canalización subterránea para o alumeado, así como cun pavimento de taco de granito e levarase a cabo unha nivelación do terreo de 660 metros cadrados. Por último, a actuación tamén contempla a colocación, alumeado e o drenaxe da zona.







Comentarios
¿Tienes algo que comentar?