Arredor de 1.500 persoas participaron no programa de animación do comercio na rúa
5 August, 2009
A última edición do programa de animación do comercio na rúa desenvolvido nas principais zonas comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro rematou tras conseguir unha alta aceptación entre os amienses. Dende que comezara, a iniciativa atraeu a moitos veciños que se achegaron ata o lugar para gozar dunha tarde de compras máis entretida e distendida. O programa, posto en marcha pola Concellaría de Promoción Económica naceu hai catro anos coa finalidade de fomentar, promover e apoiar o comercio local de Ames. O programa consistiu na instalación de inchables nas prazas de Manuel Murguía no Milladoiro, os venres, e na praza de Chavián en Bertamiráns, os sábados, dende as 17 ata as 20 horas. Ademais, complementouse cun animador que percorreu, nunha bicicleta de tres pezas, as rúas onde se concentra a maior parte dos establecementos comerciais destas localidades realizando actividades de globoflexia. O reparto de carteis promocionais e marcapáxinas entre os comercios da zona para que distribuísen entre a súa clientela
tivo unha boa acollida. Programado para un total de 8 días, repartidos en catro venres no Milladoiro e catro sábados en Bertamiráns, o mal tempo obrigou a suspender as actividades previstas para o primeiro sábado en Bertamiráns. A pesar deste contratempo, a acollida por parte dos veciños foi moi alta, e chegou a rexistrarse unha participación próxima ás 200 persoas por día tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, con pequenas diferenzas en función da climatoloxía rexistrada en cada un dos días. Isto supón que arredor de 1.500 persoas gozaron das actividades de animación do comercio na rúa.
A concelleira de Promoción Económica, Úrsula Seijas, explica que «ano a ano intentamos adaptar e mellorar a fórmula do programa introducindo novas actividades e facendo balance das edicións anteriores. Cunha participación tan alta consideramos cumprido o obxectivo de fomentar, apoiar e dinamizar o comercio local así como a vida social urbana».



Comentarios
¿Tienes algo que comentar?