As contas do concello, ¿para cando?
5 August, 2009
A. López. Ames.
É certo que estes días estase a publicar numerosa información acerca da situación na que se atopa a rendición de Contas
do Concello de Ames. Para que teña un coñecemento real da situación na que nos atopamos paso a informalo de que, en materia de rendición de Contas, o Concello de Ames está a incurrir nun grave retraso respecto dos prazos legalmente establecidos. Efectivamente, a última liquidación aprobada é a correspondente ao exercicio económico 2006, e as correspondentes a 2007 e 2008 están aínda sen entregar por parte da Intervención Municipal. Saiba que, á terminación de cada exercicio orzamentario, as entidades locais deben formar a súa Conta Xeral e esta debe ser rendida polo seu Presidente antes do 15 de maio do exercicio seguinte. Así, e antes do 1 de xuño, será sometida a informe da Comisión Especial de Contas do concello para entregala, unha vez rematada a súa exposición pública, ao Tribunal de Contas. Esta Alcaldía é perfecta coñecedora desta obriga, pero a lexislación establece que o Presidente da entidade local renderá a Conta unha vez formada pola Intervención Municipal, pero a realidade é que non se formaron en prazo e, obviamente, non é posible render unha Conta que non está formada. Ante isto, é obvio que a intención deste equipo de goberno é poder regularizar esta situación o antes posible pois non nos resulta, nin moito menos, allea. É por elo que, nestes últimos meses, xa se foron adoptando unha serie de decisións co obxectivo de poñer fin a este problema (o cese do Interventor titular e a incorporación dunha nova persoa para ese posto, a incorporación dun Tesoureiro, adoptáronse ademais outras medidas internas de organización e funcionamento do servizo tales como o establecemento dun horario de atención ao público, quendas de traballo extraordinario e xornada prolongada, etc ). O noso obxectivo prioritario será ter ao día, debidamente formadas, as Contas dos anos 2007 e 2008, e moi avanzada a de 2009, fixando como data límite o 31 de decembro de 2009. Así mesmo, agardamos poder afrontar a redacción do orzamento de 2010 con datos reais e cun perfecto coñecemento da nosa situación económico financeira.



Comentarios
¿Tienes algo que comentar?