O alcalde de Ames e o delegado do Goberno visitan as obras do cuartel da Garda Civil
5 agosto, 2009

O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o delegado do Goberno, Antón Louro, visitaron a parcela APE PM5-03, situada
na rúa do Rego do Milladoiro, para ver o estado no que se atopan as obras para a construción do cuartel da Garda Civil
que se está levando a cabo nesta localidade. O delegado do goberno destacou que esta actuación está incluída no Plan
Español para o Estímulo da Economía e o Emprego (Plan E), que promove o goberno central. Pola súa parte o alcalde
de Ames anifestou que está previsto, que os traballos que están sendo executados pola empresa Tragsa, conclúan
na primavera de 2010. A inversión deste proxecto está financiada polo Ministerio do Interior e conta cun presuposto de
2.741.519,48 euros.
O proxecto inclúe a construción de dous edificios nunha parcela de 2.810 metros cadrados. Un dos inmobles estará dedicado a un complexo de vivendas (20 vivendas en 3 plantas máis sótano) e, o outro, a dependencias oficiais (despachos,
habitáculo de atención ao público, arquivos, calabozos, sala de identificación, Seprona, oficina de investigación,
laboratorio, policía xudicial, etc). As dúas edificacións contarán con aparcamento subterráneo para vehículos e estarán
separados por un espacio de cinco metros no que haberá unha praza central. Tamén se dotará ao contorno destes edificios de diversas zonas verdes. As obras encóntranse en fase de cimentación e escavación. Carlos Fernández agradeceu a visita
do delegado de Goberno e destacou a importancia de que dita obra fose incorporada dentro do Plan E, xa que de non
ser así non se tería logrado levala a cabo. «É un investimento que era moi necesario porque as dependencias actuais non son suficientes».
Proxectos con cargo ao FEIL
Durante a visita a Ames, o delegado do Goberno aproveitou tamén para facer un repaso aos proxectos que se están executando no termo municipal amiense con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL). Os oito proxectos aprobados xa foron adxudicados e xa están sendo executados. Estas obras teñen un presuposto de 4.345.000 euros e a maior parte deste diñeiro xa foi transferido dende o Ministerio de Política Territorial.
Concretamente a Administración local xa dispón de 2,9 millóns de euros o que supón preto do 70% do orzamento total aprobado. Antón Louro, explicou que, grazas ao fondo de inversión local do Plan E, Ames conta cun presuposto de máis de catro millóns de euros que xa están sendo invertidos en oito proxectos «que derivan de preocupacións e necesidades que pronto serán satisfeitas». Así mesmo, o delegado de Goberno mostrouse moi satisfeito coas obras que se están facendo
e considerounas como necesarias.
Variante do Milladoiro
Por outra parte, abordouse outro tema de especial importancia para o Concello de Ames. O rexedor municipal falou co delegado do Goberno sobre os proxectos que ten para Ames a Dirección Xeral de Estradas. Louro indicou que o estudio informativo da mellora do trazado da N-550 entre Sigüeiro e Padrón e que engloba a variante do Milladoiro, encóntrase en fase de redacción. O presuposto desta actuación situase en torno aos 122,5 millóns de euros. Tamén se indicou que xa foi licitada a redacción do proxecto de construción dun enlace no periférico de Santiago de Compostela, no punto quilométrico 10,4. Esta actuación consistirá en transformar nun enlace a actual glorieta do Milladoiro, onde se unen os termos municipais de Compostela e Ames. O seguinte trámite que hai que realizar é adxudicar e iniciar a redacción do proxecto, presupostado en 2,1 millóns de euros. Finalmente, Louro, manifestou que o proxecto de rehabilitación do firme da estrada N-550 no traxecto comprendido entre o punto quilométrico 67,075 (O Milladoiro) e o 84,2 (Padrón) tamén se encontra en fase de redacción.Pola súa banda, Carlos Fernández, deixou patente a súa preocupación pola gran cantidade de vehículos que pasan diariamente polo Milladoiro.







Comentarios
¿Tienes algo que comentar?