¿É verdade que o parque de bombeiros, que se vendeu que estaría en Ames, finalmente vai ir a parar a Santiago. Que hai de certo?
2 December, 2009
Sonia Abelenda. Ortoño.
En primeiro lugar, non se «vendeu » que o Parque Comarcal de Bombeiros ía estar en Ames. Existe unha cesión mediante escritura pública dunha parcela municipal ubicada no Milladoiro a favor da Xunta de Galicia para a construción desta infraestrutura, e xa hai un proxecto técnico redactado por un equipo de arquitectos do cal se publicaron, en diversos medios de comunicación, infografías do futuro edificio. O proxecto do Parque Comarcal no Milladoiro xurdiu despois de anos de enfrontamentos e debates en Santiago de Compostela. A opción de converter o parque local de Santiago en comarcal deu ao traste debido a varias circunstancias: as esixencias dos bombeiros da plantilla local, a negativa a prestar servizos fóra do termo municipal de Santiago, máis un contencioso administrativo que derivou nunha sentenza de negativa para a comarcalización do parque de Santiago. É debido a todo iso cando xurde Ames como unha solución a cal, ademais, abriría un novo camiño para a extensión dun modelo de parque comarcal de bombeiros a toda Galicia, e sobre todo do seu modelo de xestión. O parque de O Milladoiro supón unha solución inmediata e eficaz para a comarca, que hoxe non está convenientemente atendida en materia de incendios e de salvamento.
Actualmente, estamos á espera de que o proxecto poda continuar a súa tramitación. No mes de xullo fun convocado para a sinatura da escritura pública de cesión gratuíta da parcela a favor da Xunta de Galicia. Por elo, todo parece indicar que, pese a ter habido un cambio de goberno, a tramitación do proxecto segue en marcha. Ata a fecha, o Concello de Ames non ten ningunha notificación oficial da intención da Xunta de Galicia, e en particular da Consellería da Presidencia, de anular o proxecto. Se a partir de agora se producira calquera cambio, os veciños e veciñas de Ames serán puntualmente informados.



Comentarios
¿Tienes algo que comentar?