100 persoas participarán no programa de inserción laboral InserAmes III
2 diciembre, 2009
O Concello de Ames decidiu continuar unha edición máis co programa de inserción laboral InserAmes III. Este ano serán 100 as persoas que se poidan beneficiar deste programa que busca a integración no mercado laboral daquelas persoas pertencentes a colectivos con especiais dificultades para a súa inserción laboral.
Para levar a cabo este programa o Concello de Ames conta cunha subvención da Consellería de Traballo e Benestar. O proceso de preselección para elixir aos participantes xa comezou. O número de persoas que forman parte do proxecto aumentou considerablemente en comparación co número de usuarios que participaron no InserAmes I, 23 persoas, e no InserAmes II, 30 usuarios. O aumento do número de participantes vai requirir un gran esforzo para aglutinar todas as accións formativas en 2009 deixando para o 2010 as accións de titorización, formación especializada e prácticas laborais.
Este programa desenvolverase ata o mes de setembro de 2010. Como afirma a concelleira de Promoción Económica, Úrsula Seijas, «trátase dunha cifra moi ambiciosa comparándoa coa das edicións anteriores, o cal vai requirir un importante esforzo de xestión que asuminos con ilusión pois é unha cantidade necesaria e adecuada aos tempos de dificultades que estamos a vivir na actualidade». Este proxecto está dirixido a un colectivo de persoas determinado que está integrado por persoas en risco de exclusión social, desempregados de longa duración, inmigrantes e mozos e mozas que acaban de conseguir a titulación e que carecen de experiencia laboral.







Comentarios
¿Tienes algo que comentar?