Top

A transición á televisión dixital

2 diciembre, 2009

A Xunta inicia o plan de despregue da TDT na área técnica de Santiago

A Xunta presentou xa o Plan de Acendido da TDT na Área Técnica de Santiago, que afectará a 44 concellos (39 da provincia da Coruña e outros 5 de Pontevedra), e que permitirá, grazas a una inversión de 2.400.000 euros, facer unha adecuada transición da televisión analóxica á dixital dentro do prazo comprometido, que remata o 31 de decembro. Así, e tras a licitación do Plan en agosto e a adxudicación do mesmo a finais de setembro, comezaron xa a instalarse os sete primeiros equipos do total de 55 que deben cubrir a área técnica de Santiago.

TDT XUNTA O secretario xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, presentou o programa acompañado polo subdirector xeral de Enxeñería e Planificación da Secretaría Xeral de Medios, Ignacio José Otero López, e o coordinador da Oficina Técnica da TDT en Galicia, Miguel Pérez Iglesias. O calendario de acendidos arrincará, así, coas estacións de Orrea (A Golada), Rodeiro, Barazón (Santiso), Furelos (Melide) e Bascuas (Vila de Cruces), as que se lle irán sumando outras co fin de igualar a cobertura dixital da TDT de todas as canles, públicas e privadas, nacionais e autonómicas, na área técnica de Santiago. O obxectivo final busca a universalización da TDT dentro dos novos prazos previstos. Cofinanciado entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, os equipos empregados contan con tecnoloxía exclusivamente galega, sendo tamén galegas as empresas instaladoras.

Actuacións previas
Para poder dar cumprimento a este Plan de Despregue da TDT na Área Técnica de Santiago, o secretario xeral de Medios explicou que durante os últimos meses o seu departamento levou a cabo intensas xestións. Así, nun primeiro momento, o Plan de Choque contra a crise, aprobado en xullo, permitiu presupostar a inversión, ao tempo que houbo que renegociar co Estado a ampliación de prazos xa vencidos para a Fase I, que debía estar rematada o 30 de xuño.

Ademais, procedeuse a comunicar a todos os concellos afectados da área técnica, así como á Deputación provincial, as actuacións necesarias en cada un deles solicitando a súa  colaboración. Foi preciso tamén coordinar as actuacións dos concellos cos técnicos da Xunta e as empresas instaladoras para a mellora das infraestruturas. A Secretaría Xeral de Medios da Xunta iniciou tamén nestes meses a coordinación co Ministerio de Industria no establecemento do Plan de Comunicación de Proximidade para os concellos afectados. E para acadar a meta de que ninguén quede sen TDT, a Xunta traballa tamén no establecemento da TDT por satélite, con vistas a cubrir aquelas zoas ás que non cheguen as emisións polo procedemento normal.

Te ha gustado? Compártelo:

Comentarios

¿Tienes algo que comentar?





Bottom