Top

Aproban a conxelación dos impostos, taxas e prezos públicos para o ano 2010

2 diciembre, 2009

A sesión plenaria correspondente ao mes de outubro estivo centrada no debate e deliberación sobre as modificacións das ordenanzas fiscais e reguladoras dos impostos, taxas e prezos públicos de cara a entrada en vigor no vindeiro exercicio fiscal. Esta medida  proposta polo goberno municipal foi aprobada por unanimidade da corporación municipal.

Esta medida non afecta ás taxas que aplican as empresas concesionarias dos servizos de abastecemento de auga potable e saneamento do Concello de Ames, así como o contrato de concesión administrativa da xestión e mantemento do complexo da piscina cuberta municipal de Ames. Neste caso os prezos estipulados regularizaranse en base ao IPC interanual tal e como figura no prego das cláusulas administrativas que se aprobaron no momento da concesión. Así ás tarifas do servizo de abastecemento e saneamento aplicarase unha redución do 1.4% e ao servizo da piscina municipal unha diminución do 1.8 %. Esta proposta foi aprobada por unanimidade  de toda a corporación municipal e así procederase á conxelación da ordenanza fiscal xeral que regula o imposto sobre bens inmobles; o IAE; o ITVM; o imposto sobre construccións, instalacións e obras e o imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana. Tamén afectará a taxa pola expedición de licenzas urbanísticas; a taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica e a taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos con finalidade lucrativa.

Os prezos públicos tamén se verán conxelados e non variarán as tarifas referentes aos servizos culturais e deportivos; o prezo público pola utilización das instalacións deportivas e culturais de propiedade municipal; o prezo público pola prestación dos servizos da escola de música do concello de Ames e o prezo público pola prestación do servizo de gardería infantil municipal do concello de Ames. Antes de rematar con este punto aprobouse a derogación de dúas ordenanzas que atinxen á taxa por apertura de calicatas ou zanxas en terreos de uso público e calquera remoción do pavimento ou beirarrúas na vía pública e a taxa por ocupación de terreos de uso público con mercancías, materiais de construción, entullos, vallas, puntais, asnillas, andamios e outras instalacións análogas.

Outro dos puntos que se presentou a debate no Pleno foi a aprobación da ordenanza fiscal xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e de outros ingresos de dereito público do concello de Ames.

Te ha gustado? Compártelo:

Comentarios

¿Tienes algo que comentar?





Bottom