Iniciase o proceso de contratación para reurbanizar a rúa Travesa
12 febrero, 2010
A Xunta de Goberno local aprobou o inicio do expediente de contratación das obras de reurbanización da rúa Travesa situada no Milladoiro. Este proxecto está sufragado integramente pola Deputación da Coruña a través don Plan anticrese posto en marcha polo organismo provincial e mediante o convenio denominado “O Milladoiro o que está por ver”. O custo das obras ascende á cantidade de 358.375 euros, IVE incluído. Deste xeito ampliaranse as beirarrúas e construírase un parque infantil co obxectivo de converter esta rúa en peonil. A través deste proxecto preténdese humanizar unha das principais rúas do Milladoiro e convertela nunha vía peonil. As obras consistirán na construción dun parque infantil na zona superior da rúa que conecta coa rúa Agro do Medio e a ampliación das beirarrúas. Na zona inferior desta rúa deixarase unha vía de tres metros de ancho para facilitar o transito ocasional dos vehículos co fin de que os coches dos veciños e veciñas que residen neste lugar poidan acceder aos seus garaxes. Deste xeito eliminarase o transito rodado nesta zona e será unha rúa exclusivamente peonil. O proxecto recolle a demolición dos pavimentos existentes e a modificación total da sección existente creando un espazo eminentemente peonil en todo o contorno deixando un só carril de acceso e saída dos garaxes privados existentes nas edificacións. Este carril terá un acabado de formigón e contará cun ancho de tres metros. Esta vía está destinada a dar servizo aos veciños e veciñas que residen nos edificios desta zona, pero só terá un transito rodado ocasional. Esta actuación acometerase na parte inferior da rúa que conecta coa rúa Anxeriz. Ademais ampliaranse as beirarrúas pasando a ter un ancho de seis metros. Estas modificación levaranse a cabo nun tramo da rúa que comprende arredor dos 16 metros de lonxitude. Co obxectivo de humanizar este lugar tamén se plantarán varias especies de árbores.







Comentarios
¿Tienes algo que comentar?