Os contribuíntes poderán pagar os seus impostos a través da banca electrónica
12 February, 2010
O alcalde de Ames, o concelleiro de Reforma Administrativa e o director territorial de Santiago de Compostela da Caixa de Aforros de Galicia asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a cidadanía amiense poderá empregar o portal financeiro desta entidade bancaria para poder facer o pagamento dos tributos recadados pola Administración local. O goberno municipal está traballando para que nas vindeiras semanas se poida ampliar este servizo con outras entidades bancarias. Este é a primeira medida que se adopta de cara a creación dunha Oficina Virtual Tributaria.
Os contribuíntes poderán realizar varias operacións como obter información dos recibos ou liquidacións que pagasen dende a entrada en vigor deste convenio, sempre que o pagamento se efectuase mediante a empresa Gestión Tributaria Territorial (GTT), que é a adxudicataria do servizo de recadación municipal. No momento da adxudicación deste servizo a GTT estableceuse que esta compañía sería a encargada de poñer en marcha unha oficina virtual tributaria. Deste xeito todos os veciños e veciñas de Ames poderán realizar todas as xestións relacionadas co pagamento de impostos dende a rede. Tamén se prestará información e daranse facilidades como o fraccionamento do pagamento, facilitando ao contribuínte a posibilidade de atender as súas obrigas tributarias do xeito máis cómodo posible. Por outra banda poderase consultar a información relativa aos recibos ou liquidacións pendentes de pagamento que están en período voluntario; o pagamento de recibos ou liquidacións pendentes de efectuar a través do Caderno 60; o pagamento de recibos pendentes de pagar en período executivo; domiciliación de recibos; acceso aos obxectos tributarios de titularidade do contribuínte; consulta da situación dos expedientes administrativos da súa titularidade e realización de autoliquidacións de ITVM.



Comentarios
¿Tienes algo que comentar?