Contrato para o campo de fútbol no Milladoiro
29 julio, 2010
O proxecto do campo de fútbol do Milladoiro está máis preto de ser unha realidade grazas ao financiamento proporcionado polo goberno central mediante o Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o representante da empresa Hidroscivil, SL e Gabrat, SL, Unión Temporal de Empresas, asinaron o contrato para executar as obras de construción do campo de fútbol do Milladoiro.
O campo de fútbol do Milladoiro será construído nas parcelas 117 e 118 do proxecto de compensación do polígono industrial do Milladoiro que suman unha superficie de máis de 6.300 metros cadrados. Esta infraestrutura terá unhas dimensións de 100 por 60 metros e disporá de céspede artificial. Para poder levar a cabo este proxecto houbo que aprobar na sesión plenaria de febreiro de 2009 o cambio de uso, de social a deportivo, da parcela 117. Esta proposta saíu adiante cos votos a favor do grupo socialista e nacionalista e coa abstención do grupo popular. Coa realización deste proxecto intentaranse cubrir as necesidade deportivas do núcleo de poboación máis grande do concello. Esta infraestrutura será sufragada a través dos fondos proporcionados polo goberno central mediante o Plan E. Este proxecto ten un orzamento base de licitación de 758.271 euros, pero a empresa adxudicataria rebaixouno en 159.009 euros, polo que finalmente terá un custo de 599.262 euros.







Comentarios
¿Tienes algo que comentar?