Presenza policial en Milladoiro
June 19, 2008
Señor alcalde:
Ultimamente notamos máis presenza policial en Milladoiro. Iso está ben, sempre e cando os axentes que nos visitan non o fagan só para cosernos a multas. Gustaríame que nos facilitase os datos de cantas multas se puxeron en Milladoiro e cantas en Bertamiráns nos derradeiros meses, xa que estou seguro que os de Milladoiro levamos o primeiro posto. J. P. Gerpe.
A maior presenza da policia local no Milladoiro (e no resto do concello) obedece ao importante crecemento no número de efectivos levados a cabo polo concello nos últimos anos, chegando a duplicar o número de membros inicial. Polo que respecta ás denuncias de infraccións en materia de circulación vial pódolle dicir que é escasísimo en todo o termo municipal e que, dende logo, como alcalde non permitiría baixo ningún concepto que houbese discriminacións xeográficas entre un lugar e outro.
Rúa Cruxa
June 10, 2008
Estimado alcalde:
Recentemente vimos como a rúa Cruxa pasaba de ter dous carrís a tres, unha barbaridade se temos en conta que se trata dunha rúa urbana moi transitada, pequena e que agora conta cun carril máis que a xeral Rosalía de Castro, que con só dous carrís foi testemuña ao longo dos anos de mortes e atropelos. Os comerciantes desta rúa facémonos varias preguntas. ¿ A que resposta este cambio? ¿Trátase dunha maniobra política para favorecer os intereses dalgunha cadea comercial recén instalada en Milladoiro? Se algún día un dos nosos fillos cruza esta “gran vía” e é atropelado ¿a quen teremos que pedir responsabilidades? Comerciantes da rúa Cruxa de Milladoiro
O paso de dous a tres carrís de circulación responde á necesidade de favorecer o tránsito de vehículos de saída de todo un conxunto de rúas de O Milladoiro que viñan formando atasco e longas colas, especialmente en horas punta. O feito de que a Rúa da Cruxa sexa practicamente a única saída da parte oeste do Milladoiro que permite acceder á N-550 nos dous sentidos de circulación, así como a aparición de novas zonas residenciais na zona leste, con acceso dende Santiago a través da Rúa Cruxa, fixo necesario contar con tres carrís, un que permita o xiro directo á dereita, outro que permita o xiro directo á esquerda e un no medio que permita a saída frontal atravesando a N-550. O certo é que a solución adoptada ven demostrando o acerto da mesma, xa que agora non se producen tapóns de tráfico nin longas e ruidosas caravanas de vehículos en colas de espera. O actual goberno municipal de Ames non permite ningunha manobra que favoreza os intereses comerciais particulares, se non que actúa dende o punto de vista común e colectivo.
¿Estamos seguros?
March 27, 2008
O pasado mes de decembro puiden ler que a Garda Civil detivera en Milladoiro a un grupo de mozos supostamente implicados nunha rede de extorsión para o cobro de débedas polo impago de drogas. ¿Estamos seguros? (Luis Argibay. Ames)
Coido, sinceramente, que non temos motivos para unha alarma esaxerada. Como sempre, si hai que ocuparse e preocuparse, non baixando a garda en ningún momento. É certo que por moita vixianza que teñamos nunca será demasiada. Pero tamén é certo que o nivel de vixianza, seguemento e control que exercen coordinadamente a Garda Civil e a Policía Local, é moi aceptable. Nos últimos anos vivimos un forte incremento de efectivos na Garda Civil e na Policía Local, o que tamén se notou e se nota na presenza nas rúas. Os éxitos en detencións e desarticulación de grupos delincuentes dan fé.


