Top

¿É verdade que o parque de bombeiros, que se vendeu que estaría en Ames, finalmente vai ir a parar a Santiago. Que hai de certo?

December 2, 2009

Sonia Abelenda. Ortoño.

En primeiro lugar, non se «vendeu » que o Parque Comarcal de Bombeiros ía estar en Ames. Existe unha cesión mediante escritura pública dunha parcela municipal ubicada no Milladoiro a favor da Xunta de Galicia para a construción desta infraestrutura, e xa hai un proxecto técnico redactado por un equipo de arquitectos do cal se publicaron, en diversos medios de comunicación, infografías do futuro edificio. O proxecto do Parque Comarcal no Milladoiro xurdiu despois de anos de enfrontamentos e debates en Santiago de Compostela. A opción de converter o parque local de Santiago en comarcal deu ao traste debido a varias circunstancias: as esixencias dos bombeiros da plantilla local, a negativa a prestar servizos fóra do termo municipal de Santiago, máis un contencioso administrativo que derivou nunha sentenza de negativa para a comarcalización do parque de Santiago. É debido a todo iso cando xurde Ames como unha solución a cal, ademais, abriría un novo camiño para a extensión dun modelo de parque comarcal de bombeiros a toda Galicia, e sobre todo do seu modelo de xestión. O parque de O Milladoiro supón unha solución inmediata e eficaz para a comarca, que hoxe non está convenientemente atendida en materia de incendios e de salvamento.

Actualmente, estamos á espera de que o proxecto poda continuar a súa tramitación. No mes de xullo fun convocado para a sinatura da escritura pública de cesión gratuíta da parcela a favor da Xunta de Galicia. Por elo, todo parece indicar que, pese a ter habido un cambio de goberno, a tramitación do proxecto segue en marcha. Ata a fecha, o Concello de Ames non ten ningunha notificación oficial da intención da Xunta de Galicia, e en particular da Consellería da Presidencia, de anular o proxecto. Se a partir de agora se producira calquera cambio, os veciños e veciñas de Ames serán puntualmente informados.

Quisera saber a verdade sobre o final das obras da rúa Anxeríz, que aínda que digan que non se seguen demorando. Sinceramente, ¿vostede cre que veremos desfilar a Cabalgata de Reis este ano pola rúa?

December 2, 2009

A. R. Ames

Antes de nada, teño a ben aclarar que, como xa indiquei nunha rolda de prensa celebrada no Concello en compañía do concelleiro de Obras e dos técnicos directores da obra, coido que se está dramatizando. Nós somos conscientes de que dá problemas e que causa molestias aos veciños e veciñas, pero como os daría calquera obra desta embergadura que se estea a executar en calquera cidade. Estamos tratando de minimizalos ao máximo e eu estou convencido de que cando as obras rematen ninguén se vai lembrar destes problemas nin de toda a manipulación política que se está facendo  deles. En canto aos prazos de execución, que é o motivo da súa pregunta, podo indicarlle que, dende o primeiro momento, o prazo de execución da obra estableceuse en sete meses contados a partir da sinatura da acta de replanteo (documento que se asina ao comezo das obras por parte da empresa adxudicataria). Os arquitectos redactores do proxecto, e directores da obra, manteñen reunións semanais cos responsables do departamento de Obras do Concello para o seguemento da execución do proxecto, e insisten en que os prazos se están cumprindo. Ademais, todas as decisións que se foron tomando dende que se iniciou a obra obedeceron a un exhaustivo estudo de  planificación. Polo tanto, salvo que a partir destas datas xurda algún imprevisto, o previsible é que se rematen en prazo. Por elo falamos sempre de finais de ano, xa que a acta de replanteo ten data de 1 de xuño de 2009. Efectivamente falamos de que a Cabalgata de Reis poda desfilar pola rúa xa rematada, sería un acto e unha data magnífica para poder inaugurala. Saiba que dende o Concello estase a facer todo o posible para que isto se cumpra.

¿Qué foi daquela suposta alternativa local á Nacional 550?

October 8, 2009

 Nicolás Padín.

A mediados de 2007, o Ministerio de Fomento, a través da Dirección Xeral de Estradas, fixera pública a autorización para a realización do estudo previo informativo da variante de trazado da estrada N-550 entre Sigüeiro e Padrón. Este estudo ten por obxecto recopilar e analizar os datos necesarios para definir, co grao de de talle esixible a un estudo informativo, as diferentes alternativas viables para a construción dunha vía con características de autovía no tramo considerado, propoñendo a solución máis ventaxosa para o seu desenvolvemento. Neste momento, podo dicirlle que ese estudo previo informativo está xa na súa fase de redacción e, actualmente, están estudando a evaluación do impacto ambiental do proxecto, tal e como esixe a normativa vixente. É por elo que, o pasado 10 de agosto, o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural enviou unha notificación ao Concello de Ames na que, tendo iniciada esa fase de estudo do impacto ambiental, nos notificaban a apertura do período de consultas establecido pola Lei de Evaluación de Impacto Ambiental, remitíndonos unha copia do documento inicial do proxecto co obxecto de consultar a opinión sobre a amplitude e o nivel de detalle que debe darse ao impacto ambiental neste tipo de proxectos, así como outras posibles alternativas de actuación, información ou normas que deban ser de especial consideración para a elaboración do estudo. Hai uns días, os técnicos do Departamento de Urbanismo do Concello enviaron xa o seu informe ao Ministerio co obxectivo de informar sobre as cuestións plantexadas que afectan ao noso municipio. A variante da N-550 ao seu paso polo Milladoiro é un proxecto polo que continuamente os veciños me piden información e podo dicirlle que é un dos proxectos que solicitamos con máis empeño e dos que facemos un seguemento continuado. Considerei sempre de vital necesidade propoñer unha vía de alta capacidade, par alela ao actual trazado da N-550 e que satisfaga a demanda de tráfico nese tramo. A construción dese novo corredor permitiría alonxar a circulación do núcleo urbano do Milladoiro e rematar coa división física da Avenida Rosalía de Castro en dúas. Agardo que, unha vez rematado  ese estudo previo informativo para a construción da variante, podamos ter máis datos máis concretos respecto do trazado definitivo.

O estado no que están os trámites para a construción do colexio de Milladoiro.

October 8, 2009

 Silvia Monteagudo.

Polo que sabemos, neste momento a construción do novo Instituto para o Milladoiro se encontra, máis ou menos, paralizada. Para aclarar isto que acabo de escribir, dareille unha cronoloxía completa de tódolos trámites administrativos realizados ata a fecha, entre os que se atopa a cesión gratuíta dunha parcela municipal á Consellería de Educación para construír ese entro.
Con elo comprenderá perfectamente a situación na que nos atopamos. En novembro de 2005 asinamos un protocolo  de colaboración para a construción deste centro de educación secundaria. Por elo, o Concello puxo a disposición da Consellería de Educación unha parcela no sector urbanístico denominado S-16 do Milladoiro, que contaba con casi 5.000 metros cadrados. Posteriormente, e dado que a Consellería de Educación prevía que o futuro centro se construíra para unha liña 16+6, era imprescindible un cambio de parcela, xa que precisaban dunha superficie mínima de 10.350 metros cadrados. Por elo, o Concello iniciou de novo a tramitación correspondente e cedeu finalmente unha parcela situada no mesmo sector urbanístico e cunha superficie de 11.780 metros cadrados. Esta parcela foi visitada hai uns meses por técnicos da Consellería, os cales informaron favorablemente respecto da ubicación do edificio na mesma. Con todo este trámite administrativo cumprido, o 6 de febreiro deste ano publicábase no Diario Oficial de Galicia o inicio do expediente para a licitación da redacción do proxecto básico e de execución. Nos consta que, neste momento, só falta que o Órgano de Contratación correspondente asine a proposta xa realizada, despois de valorar todas as ofertas presentadas ao concurso, arredor dunhas vinte. Dende esa data, e ao non ter ningunha noticia ao respecto, eu mesmo falei en repetidas ocasións co Conselleiro de Educación co obxectivo de desbloquear esta situación, pero sen que, ata a fecha, se teña producido o máis mínimo avance ou movemento. Á vista de todo o exposto e considerándome na obriga e, sobre todo, na responsabilidade de reclamar o cumprimento de todos e cada un dos compromisos adquiridos pola Xunta de Galicia co Concello de Ames, o pasado 18 de setembro envieille unha carta ao Presidente da Xunta solicitándolle, entre outras cuestións, que aclarase e retomase o proxecto do instituto xa que, aínda que se teña producido un cambio de goberno, as institucións están obrigadas a dar continuidade aos compromisos adquiridos. Neste momento, esta é a información da que dispoñemos. Calquera avance que se produza será comunicado aos veciños correspondentemente.

As contas do concello, ¿para cando?

August 5, 2009

 A. López. Ames.
É certo que estes días estase a publicar numerosa información acerca da situación na que se atopa a rendición de Contas
do Concello de Ames. Para que teña un coñecemento real da situación na que nos atopamos paso a informalo de que, en materia de rendición de Contas, o Concello de Ames está a incurrir nun grave retraso respecto dos prazos legalmente establecidos. Efectivamente, a última liquidación aprobada é a correspondente ao exercicio económico 2006, e as correspondentes a 2007 e 2008 están aínda sen entregar por parte da Intervención Municipal. Saiba que, á terminación de cada exercicio orzamentario, as entidades locais deben formar a súa Conta Xeral e esta debe ser rendida polo seu Presidente antes do 15 de maio do exercicio seguinte. Así, e antes do 1 de xuño, será sometida a informe da Comisión Especial de Contas do concello para entregala, unha vez rematada a súa exposición pública, ao Tribunal de Contas. Esta Alcaldía é perfecta coñecedora desta obriga, pero a lexislación establece que o Presidente da entidade local renderá a Conta unha vez formada pola Intervención Municipal, pero a realidade é que non se formaron en prazo e, obviamente, non é posible render unha Conta que non está formada. Ante isto, é obvio que a intención deste equipo de goberno é poder regularizar esta situación o antes posible pois non nos resulta, nin moito menos, allea. É por elo que, nestes últimos meses, xa se foron adoptando unha serie de decisións co obxectivo de poñer fin a este problema (o cese do Interventor titular e a incorporación dunha nova persoa para ese posto, a incorporación dun Tesoureiro, adoptáronse ademais outras medidas internas de organización e funcionamento do servizo tales como o establecemento dun horario de atención ao público, quendas de traballo extraordinario e xornada prolongada, etc ). O noso obxectivo prioritario será ter ao día, debidamente formadas, as Contas dos anos 2007 e 2008, e moi avanzada a de 2009, fixando como data límite o 31 de decembro de 2009. Así mesmo, agardamos poder afrontar a redacción do orzamento de 2010 con datos reais e cun perfecto coñecemento da nosa situación económico financeira.

Como afectado polas obras da rúa Anxeríz, quixese saber cal é o prazo de ejecución da obra

August 5, 2009

. Juan Sarasola. Milladoiro.
As obras para a reurbanización desta rúa comezaron no mes de maio e o prazo previsto para a súa execución é de sete
meses. A súa financiación é a cargo do Fondo Estatal de Investimento Local, máis coñecido como Plan-E. Para nós,
a transformación da rúa Anxeriz era un proxecto de máxima prioridade, dentro de todo o conxunto de obras que temos
previsto executar. É unha das rúas do Milladoiro que máis densidade comercial presenta. O noso obxectivo é transformala
completamente posto que esta vía constitúe o eixo principal viario norte–sur, paralelo á N - 550, da zona norte do
Milladoiro, composto por un conxunto de vías cunha gran actividade comercial.O obxecto do proxecto é mellorar e cualificar esta rúa reurbanizándoa completamente. A obra inclúe a substitución dos pavimentos existentes e a incorporación de arborado e vexetación en ambas marxes da calzada, ampliación das beirarrúas, unha importante reorganización do tráfico, etc. Así mesmo, estas actuacións comprenden a renovación e substitución parcial dalgunhas das redes infraestruturais de servizos urbanísticos existentes ou en mal estado. Así, está previsto renovar as redes de saneamento actuais por un novo trazado que discorre polo centro da calzada proxectada, e na que se recollen de forma separada as augas pluviais e as fecais. Ademais, substituiranse as luminarias existentes e instalarase unha nova rede de iluminación pública. Dende o concello estase a facer un importante seguemento co obxectivo de que non haxa demora no prazo previsto de execución e, sobre todo, de que se ocasionen as menores molestias posibles aos veciños e veciñas aínda que, loxicamente, haberá molestias que é imposible evitar como ocorre en calquera obra destas características.

¿Para cando un Punto Limpo en Bertamiráns?

August 5, 2009

N. F. Ortoño.
No Concello existe, polo de agora, un punto limpo no núcleo de Milladoiro, de cuio funcionamento estamos moi satisfeitos.
Está prestando un importantísimo servizo a todos os veciños e veciñas de Ames, os cales colaboraron dende o seu
inicio dun xeito exemplar. Proba delo son as estatísticas que periodicamente nos presenta a empresa concesionaria, as
cales reflicten o incremento progresivo no número de usuarios. Aínda así, gustaríanos moito, e é un obxectivo deste
goberno, construír outro punto limpo nunha zona próxima a Bertamiráns. Así, teríamos un punto limpo máis preto para
as persoas que viven na zona sur do Concello, Milladoiro e parroquias cercanas, e outro en Bertamiráns para a zona
norte e parroquias do seu entorno. Para elo é preciso atopar a parcela adecuada, pois debe ubicarse nun punto que non
resulte molesto pola proximidade aos edificios residenciais.

Estimado alcalde:

June 16, 2009

É unha mágoa que os residentes en Bertamiráns vexamos como chega a primavera e o pouco que se está a levar acabo en limpeza e organización no parque do río e tamén no parque do Pazo da Pelegrina, este último sempre cuberto de lixos. Sería bo que nesta época recuperáranse as árbores caídas e outros elementos de xardinería totalmente abandoados. Non soamente hai que velar polo lavado das rúas (que con tanta limpeza desprendéronse baldosas nalgunhas beirarrúas). Alenjandro Pendola Sieyes

Na súa apreciación dá unha imaxe do Pazo da Peregrina absolutamente caótica, que en nada se corresponde coa realidade. Como calquera outro espazo público de uso colectivo ten contados momentos nos que as papeleiras poden estar cheas e algúns espazos con presenza de  desperdicios que algunha xente tira indiscriminadamente polo chan. Pero non é, en absoluto, unha situación frecuente.

Eu mesmo, visito o Pazo con moita frecuencia: inauguracións e desenvolvemento de exposicións, actividades municipais de todo tipo, vodas moitos sábados da primavera e do verán… e comprobo que isto non é como vostede afirma. Da limpeza do recinto ocúpase unha brigada municipal e do mantemento de xardinería, ocúpase unha empresa do Grupo da Confederación Galega de Minusválidos, chamada “Integro de Xardinería e Medio Ambiente”.  Cando rompe ou morre unha planta reponse en 24 ou 48 horas como máximo, e non nos consta, en absoluto, que haxa que repoñer ningunha árbore.

Meses atrás liamos nesta revista que o padrón municipal arroxaba unha cifra de 27.196  habitantes. Se, aproximadamente, debe haber unha farmacia por cada 2.200 habitantes, ¿como se explica que en Ames existan só catro? ¿Que papel xoga o Concello neste terreo? ¿Non cre que son poucas para dar servizo a tanta poboación? Sofía Aguado.

A asignación de farmacias faina a Consellería de Sanidade, que é a quen lle corresponde a planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia. Ao concello só lle corresponde o papel de solicitar novas farmacias e presionar para que se consigan. Así o ben facendo o Concello de Ames dende hai varios anos. Ames ten concedidas 3 novas farmacias dende hai tempo, correspondendo unha á parroquia de Biduído (Milladoiro incluído), unha a Bugallido e outra á parroquia de Ames, xa que a Xunta de Galicia fai a distribución das novas farmacias por parroquias. Así, con data 23 de agosto de 2007, a Consellería de Sanidade notificara ao concello estas adxudicacións de novos despachos de farmacia, solicitando así mesmo o envío dalgunha documentación (datos poboacionais, superficie territorial de determinados núcleos, etc.). É certo que estas adxudicacións foron obxecto de distintos litixios por parte das persoas solicitantes, de tal xeito que aínda non hai moitos meses que se resolveu quén son definitivamente os adxudicatarios. Cónstanos, neste momento, que xa os novos adxudicatarios teñen previsto a apertura de novo despacho, pois xa teñen realizado distintas xestións e feitas varias consultas no concello no sentido de poñer en marcha os trámites para a solicitude da correspondente licenza de apertura.

Ampliación do centro de saúde do Milladoiro.

April 17, 2009

Soledad García. Milladoiro.

Sobre o actual centro de saúde do Milladoiro podemos dicirlle que, actualmente, xa é posible ampliar as súas dependencias, despois de que o concello formalizara a cesión dun local municipal anexo e no cal estaban ubicadas, ata hai uns meses, as oficinas municipais do Milladoiro.

Conscientes da necesidade de ampliar estas dependencias, o concello sempre manifestou a súa total disponibilidade para ceder estas instalacións ao SERGAS. A intención  era deixar este local tan pronto fose posible, e unha vez resolto o traslado das oficinas do Milladoiro ás novas dependencias municipais de Agro do Medio. Pero, a pesar de que a  intención era materializar canto antes esta cesión, nos atopamos cun obstáculo administrativo que descoñeciamos, posto que dito local estaba inscrito no Rexistro da  ropiedade ao nome da empresa constructora do edificio, Llaco S.L.U.

No ano 1991 subscribírase un convenio entre o Concello e o propietario do antigo solar, mediante o cal  as dúas partes comprometíanse a deixar un paso subterráneo con escaleiras que unira a rúa peonil coa rúa rodada que pasaba por diante do centro de saúde. Posteriormente esta empresa,  Llaco S.L.U., mercou o solar e asumíu o contido de aquel convenio. Máis tarde, en 1995, a empresa solicitou ao concello eliminar o citado paso interior cedendo a cambio un local de cen metros cadrados. O problema foi que todos estes acordos non se ratificaron coa  orrespondente escritura pública.

Así, o pasado 22 de xaneiro asinei coa empresa a escritura pública de cesión de dito local e, tan só unha semana máis tarde, quedou inscrito no Rexistro da Propiedade a nome do Concello de Ames. Deste xeito, foi posible facer efectiva esta cesión á Consellería de Sanidade, á cal lle corresponde agora levar a cabo as obras de reforma que procedan.

Perda de cen prazas de aparcamento. Obras das rúas Anxeríz e Travesa

April 17, 2009

Manel S. Ames
Antes de responder con detalle a esta pregunta, quero sinalar que a carencia actual de prazas de aparcamento en determinadas rúas do Milladoiro é importante, e son consciente delo, pero, a este respecto, quixera tamén dicir que xa me gustaría a min poder deseñar O Milladoiro marcha atrás no tempo, con outro tipo de vías, de seccións, de espazos públicos e estacionamentos. Hoxe en día, na Rúa Anxeriz por exemplo, tivemos que tomar unha decisión moi clara, ou máis espazo para vehículos ou máis espazo para as persoas.

Polo tanto, e xa no goberno anterior, tomamos unha decisión, a cal por certo está avalada polos correspondentes informes urbanísticos, que consistía en gañar espazo para as persoas, desfavorecendo a presenza de vehículos estacionados en superficie. Considero que foi unha postura valente e un acordo perfectamente consensuado.

En canto á peatonalización da Rúa Travesa comentareille que, como tal rúa, nunca debeu de existir e explícome, esa rúa naceu dunha modificación puntual das Normas Subsidiarias, cortando unha gran mazá fraccionada en dúas, sinxelamente porque era máis interesante para os promotores. É unha rúa que nin hacia un lado nin hacia o outro ten continuidade, polo tanto, na circulación vial, non se vai notar que se elimine o tráfico para convertela nunha especie de praza alongada.

Estas medidas que estamos a adoptar, e outras que teremos
que adoptar no futuro, evidentemente deben de ir compatibilizándose coa existencia de novas bolsas de estacionamento, algúns deles xa son hoxe unha realidade, como o da Rúa Palmeiras, que está a piques de abrirse ao público e que forma parte do desenvolvemento urbanístico moderno do Milladoiro. Ese estacionamento supón unha dotación de, aproximadamente, 200 prazas. É importante sinalar que este aparcamento de Rúa Palmeiras non supuxo un custe para o concello, senón que foi unha obriga dos promotores do sector urbanístico S-14 xa que, ademais de ceder, entre outras, a magnífica parcela para a Escola Infantil, tiveron que construír dito aparcamento.

Por outra banda, moi preto desa zona, no sector urbanístico S-15 (as parcelas que se ven aínda sen edificar, aproximadamente, en fronte do actual centro de saúde do Milladoiro), está proxectada a construción dun aparcamento subterráneo co número de prazas que se determine, pero sempre en torno ás 300 ou 350. Co obxectivo de axilizar a súa construción, está previsto convocar aos promotores do sector a unha xuntanza para definir todas as cuestións que procedan, entre elas, os prazos de inicio e remate de construción.

A idea é compaxinar estes proxectos de tal modo que se vexa incrementado o número de novas prazas de aparcamento ao mesmo tempo que, coas obras de reurbanización previstas en diveirsas rúas, se perden en favor de gañar espazo para os peóns.

Siguiente »

Bottom